De como un día decidimos emular a Lou Grant

Moncho Paz, Paulo Naseiro e Mario Paz


Hai unha imaxe que ilustra como poucas o espírito daqueles tempos de comezos dos oitenta. Nela vese, recortada nun dourado solpor de outono, a silueta de tres rapaces de entre doce e trece anos percorrendo sen dirección precisa o dédalo de estreitas rúas que conforman o casco histórico de Vilalba. Levan unha escada ao lombo que tomaron “prestada” no almacén dos Marios e que pensan devolver ao final do día. Os veciños cos que se atopan no seu traxecto obsérvanos de esguello, cunha ollada que amosa sorpresa, abraio ou mesmo certa retranca. Algún deles, tal vez pola natural curiosidade, non pode evitar achegarse e preguntarlles, non sen arroubo, evitando abordar directamente a cuestión: “¿Qué hai rapaces? ¿Qué facedes por aí?”.

Eles, logo de ollalo dende a súa perspectiva de inevitable contrapicado, cun xesto de inxenuidade infantil e cun sorriso de beatífico desafío, respostan disimulando, coma se todo fose normal, coma se non houbese nada fóra do común no extravagante feito de iren tres pequerrechos por aí, cunha escada enorme, desproporcionada, ao lombo: “Pois xa ve, dando unha voltiña. Agora iamos na procura dos amigos para xogar un partido”.

Esta breve anécdota –absolutamente verídica– establece como ningunha outra o baremo preciso co que medir aqueles catro anos. Esa curiosa mistura de inocencia, ousadía e dun humor peculiar, propio, tendente ao absurdo, está plenamente vencellada ás orixes de A Voz de Vilalba, unha publicación en galego que pretendía continuar a estela deixada polos xornais vilalbeses do primeiro terzo do século XX (como se intúe a partir das “entregas semanais” do número segundo); un xornal sacado adiante por tres rapaces coa mesma actitude de desafío que os levou aquel lonxano serán a vagar sen rumbo pola vila coa escada ó lombo.

Quizais o humor percíbese xa a primeira vista ao contemplar o mosaico de textos que conforman A Voz de Vilalba, pois mistúranse uns cos outros de xeito totalmente impúdico até o punto de que, a miúdo, custa traballo delimitar con claridade onde remata un e onde comeza o seguinte. Todo semellaba ser válido con tal de encher a media ducia de páxinas e, así, ao lelos hoxe, xorden curiosas asociacións nas que unha noticia que fala do sorprendente ascenso do equipo local mistúrase, sen maior problema, coa sección de “Humor” (número 7), ou un conto sobre porcos co anuncio dunha carnicería (número 3).

Compromiso co idioma

Pero a nosa ousadía residía sobre todo na pretensión de elaborar un xornal en galego nun contexto no que a normalización do idioma aínda estaba a dar os seus primeiros e titubeantes balbuceos. Unha normalización que comezara a penas dous anos antes coa aprobación do Estatuto de Autonomía e, a partires del, coa creación da Dirección Xeral de Política Lingüística, vencellada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Aínda que nós, se cadra por formar parte das primeiras fornadas de estudantes que recibiron galego na escola, non albergabamos dúbidas no que se refire á necesidade de crear un xornal na nosa lingua, sabendo que, ademais, contabamos coa conformidade de boa parte do público lector, tampouco ignorabamos que a aceptación non ía ser unánime, nin moito menos (na enquisa do primeiro número pode verse coma só o 50 % das persoas abordadas opta por un xornal en galego, frente a un 30 % que o prefire en castelán e un 20 % restante que se mantén indiferente).

Tal vez esa poda ser a razón, un certo medo ó rexeitamento (por moito que afondamos na nosa memoria non atopamos outra), de que o propio nome da publicación, redactada íntegramente en galego, sofrira unha natural evolución, pasando do orixinal La Voz de Villalba (sic), a A Voz de Villalba (número 6), para ser definitivamente a A Voz de Vilalba (número 24), tomando posicións así nun cambio toponímico que non foi alleo a certa polémica. A estas alturas sería absurdo agochar que eran refractarios ó mesmo, non só boa parte dos entrevistados por nós –adoitaba ser pregunta case que obrigada ao tratarse dunha cuestión candente–, senón tamén moitos lectores, como reflectían as dúas enquisas publicadas con tal motivo nos números 15 e 20. A razón aducida pola inmensa maioría dos participantes nelas deixábanos tan abraiados coma convencidos –ainda que agora, xa definitivamente ubicados no mundo adulto, sabemos que, no fondo, aquilo non era máis ca unha frase que, tanto pode servir para pecharlle a boca a uns nenos, como para xustificalo todo, absolutamente todo, incluso as maiores falcatruadas das que o home pode ser capaz–: “e que sempre foi así”, nos dicían.

En calquera caso, esas dúbidas e titubeos no tocante aos aspectos lingüísticos e toponímicos, tanto por parte dos outros coma pola nosa, terían plena xustificación nun contexto como aquel, pois tanto o proceso de normalización, como a instauración do galego estándar ían paseniñamente. Compre lembrar que uns días antes do nacemento de A Voz de Vilalba, concretamente o 15 de xuño de 1983, aprobárase no Parlamento de Galicia a Lei de Normalización Lingüística, que pretendía a protección e promoción do uso do galego nos diferentes ámbitos sociais, especialmente naqueles referidos á propia Administración, a educación e os mass media (nos que nos sentiamos incluidos). De xeito parello a esta Lei, acadarían tamén carácter oficial as Normas ortográficas e Morfolóxicas redactadas en 1980 polo Instituto da Lingua Galega (ILGA) e a Real Academia Galega (RAG).

Aínda que A Voz de Vilalba non foi máis que un pequeno gran de area no deserto (parello, no ámbito local, ao grupo Xorima, creado en 1981), gústanos crer que, alomenos, tivo a súa pequena aportación no avance dos usos idiomáticos, contribuindo a derrubar algúns atrancos que proviñan sobre todo da inercia arraigada durante décadas nas que a lingua fora vista coma unha manifestación máis do folklore autóctono e non coma un verdadeiro instrumento de comunicación (a súa función primordial), útil e necesario en todos os ámbitos, tanto da vida pública como da privada.

Manter a tradición xornalística

Pódese dicir que A Voz de Vilalba naceu o 29 de xuño de 1983, data na que tres rapaces matinaban sentados na glorieta da Pradia cal sería o plan para aquel verán que viña por diante. Nunha mañá de moita calor, mentres matabamos o tedio contando os vehículos que circulaban –Mario os Renault, Moncho os Seat e o Naseiro o resto– e argallabamos unha ocupación que nos tivera entretidos de verdade, xurdiu a idea de crear un xornal. O que viría despóis marcaría definitivamente as nosas vidas, ademais de contribuir a manter viva a tradición xornalística da vila.

Porque a Vilalba de 1983, coa perspectiva dun longo verán por diante non ofrecía, a verdade, grande cousa. Se cadra poderiamos ter iniciado carreira nas ringleiras do Racing Clube Vilalbés, como xuvenís. Pero ningún de nós destacaba nas lides deportivas, máis aló dos voluntariosos esforzos de patio de colexio. Alén diso, nada. Tiñamos por diante outro verán de marro e quedas na Alameda, carreiras en bicicleta pola Porta de Cima e baixada de carrilanas por Quart de Poblet, tardes de río na Praia Fluvial, aínda non rematada –que fría estaba a auga, por certo– e, como bos fillos de familias traballadoras, algunhas escapadiñas dominicais á costa.

Unha das reflexións iniciais que mantivemos naquela improvisada reunión da Pradia foi a necesidade de contar cuns medios técnicos mínimos que nos permitisen poñer en marcha o proxecto de editar un xornal. En primeiro lugar, había que darlle un nome á publicación, e ese foi un debate de varias horas que nos levou a barallar distintas alternativas; o principal requisito era que non coincidise con outra cabeceira das moitas existentes en Vilalba durante a primeira metade do século XX. Finalmente acordamos por unanimidade que o noso xornal se chamaría La Voz de Villalba, seguramente polo paralelismo coa denominación de La Voz de Galicia, pois un dos nosos soños daquela era chegar a convertirnos no futuro en redactores do diario de maior tirada.

Os tres tiñamos máquina de escribir na casa e sabiamos rotular ben, ese non era o problema. O realmente importante era dispor de recursos económicos que permitisen a viabilidade da idea, polo que tomamos dúas decisións: pedirlle ao Colexio Insua Bermúdez que nos permitise usar a súa multicopista –unha vella e entrañable máquina de manivela, como as que se utilizaban na clandestinidade– e buscar varios patrocinadores aos que lles ofreceriamos a cambio a publicación dun anuncio nas páxinas do xornal.

Despois había que analizar cales serían os contidos da publicación, e pensamos que para iso o mellor era botarse á rúa e facer unha enquisa entre a xente da vila, á que preguntamos: “¿cómo prefire vostede un periódico, en galego ou en castelán?”. Como se indicaba anteriormente, o resultado da mesma inclúese no primeiro número de A Voz de Vilalba. Neste senso, hai que sinalar que as enquisas serían un dos nosos recursos habituais, dado que nos permitían coñecer in situ o sentir da opinión pública no relativo a distintos temas.

Co tempo fumos mellorando o produto, tanto a nivel de forma como de contidos. Non esquezamos que por aquelas datas –en concreto, dous anos antes– tiña lugar o nacemento do PC, que supuxera unha auténtica revolución tecnolóxica. Como aínda estabamos moi lonxe de poder acceder a un procesador de textos, optamos por mercar un xogo de tipografía para mellorar a maquetación, especialmente dos titulares, e incluso apuntámonos nunha academia para aprender mecanografía. A comezos de 1984 tramitamos o Depósito Legal, o que nos obrigou a fixar a periodicidade (mensual) do xornal.

Co tempo, A Voz de Vilalba chegaría a ter unha tirada de 500 exemplares, entre os que se atopaban preto de 150 subscriptores que recibían puntualmente o xornal nos seus fogares, tanto en man coma por correo ordinario. Por citar algúns, entre eles se atopaban Ramón Villares, Manuel Fraga, Ramón Piñeiro, Valentín Carrera, Rouco Varela, García Leira, Suso Gayoso, Fernando Martínez, Rosa Cal... En fin, xente que dun ou doutro xeito amosou interese pola actividade desenvolvida por aqueles tres rapaces, que comezara como unha anécdota pero que co decurso dos anos foi evolucionando cara un xornalismo comprometido.

Unha escola da vida

Ser un preadolescente de doce ou trece anos nunha pequena vila do interior de Galiza a comezos dos anos oitenta non era unha tarefa doada. Comezan a agromar as inquedanzas que acadarán o cumio pouco despois –¿quen non foi revolucionario aos dezaoito?–, conformando un longo período de tránsito á idade adulta, que contén os ritos de paso se cadra máis importantes do extenso proceso de socialización humana. Neste contexto, os xogos infantís xa non nos satisfacían. Anceiabamos horizontes amplos e cheos de aventura, e buscámolos con afán.

Está fora de toda dúbida que a nosa é a primeira xeración plenamente televisiva. Viñemos ao mundo en fogares que xa contaban con regulares aparellos de vinteunha polegadas en branco e negro e, recoñezámolo ou non, a nosa educación descansa en tres puntais: a escola, a familia e a Televisión Española. No noso caso particular, debémoslle moito máis do que cremos a unha serie de ficción que por aquel entón facía furor nas pantallas, Lou Grant.

Aquela redacción do Chicago Tribune capitaneada por Mrs. Pynchon, con Lou Grant, Charlie Hume, Art Donovan, Joe Rossi e o fotógrafo Animal meteunos no corpo o virus do xornalismo polo que, sentados un día de finais de xuño de 1983, igual a tantos días aburridos de verán, con bicicletas ou sen elas, ao pé da Pradia simbólica, non se nos podía ocorrer outra cousa: imos facer un xornal. Dito así semella doado, pero axiña descubrimos que a cousa era máis complexa do que a simple vista parecía.

Probablemente hai un punto de inflexión que aparece axiña na intensa historia de A Voz de Vilalba: o día que entrevistamos a Manuel Fraga. A partires de aí todo o noso contorno, comezando por nós mesmos, principia a crer que aquela arroutada vai máis en serio do que parece. Sen a penas decatármonos, vémonos envoltos nunha tarefa que require de nós moitas habilidades para as que non contabamos con máis experiencia que a que iamos adquirindo sobre a marcha: a capacidade para desenvolver unha ampla relación co mundo adulto (entrevistas, contratación de publicidade, busca de noticias, venda do produto e subscripcións), o trato cordial, pero coas necesarias distancias, cara a clase política (que moi axiña comezou a ver con receo a aqueles rapaces entremetidos, se crea ou non) e, sobre todo, cargar coa tremenda responsabilidade que supuña realizar todo o proceso da publicación, e que nos obrigaba a unha disciplina que non adoita chegar até a incorporación ao mercado laboral, moitos anos máis tarde.

Todo aquelo era moito máis complexo do que a necesaria simplificación dunha serie de televisión amosaba. Así, A Voz de Vilalba foi para nós unha auténtica escola da vida. O que se deteña a examinar os catro anos da publicación aquí reproducidos sen dúbida ficará sorprendido da evolución que rexistra, dende a inocencia case enternecedora dos primeiros números ao xornalismo que se pretende comprometido do final. Catro anos a penas é un sospiro de tempo, incluso na vida dunha persoa; pero catro anos na adolescencia teñen o tamaño e a densidade dun burato negro cósmico. Non debe estranar, pois, esta evolución de A Voz de Vilalba, se temos en conta que non é máis ca o espello do noso proceso de maduración.

A experiencia determinou en boa medida a nosas traxectorias vitais e profesionais que, aínda que non son coincidentes –andamos metidos nos eidos do xornalismo, a socioloxía e o ensino–, teñen fondas raigames naquela etapa vital.

Ousadía, humor, compromiso, inconformismo, socialización, enlace coa tradición, maduración persoal... Todos estes e moitos máis foron aspectos decisivos para que aquela mítica aventura duns rapaces emprendedores se convertera en realidade. De feito, máis que facer un xornal, foi o xornal o que rematou por nos facer a nós.

4 de feb. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión