Un 20% menos de tren en Galiza

Xabier P. Igrexas.-

Calquera que teña usado o tren coñece de primeira man as deficiencias do servizo ferroviario no noso país. Uns trazados que non responden a un deseño en rede que vertebre o conxunto do territorio, escasas frecuencias nalgúns percorridos e faixas horarias, cativa cobertura do servizo para as pequenas estacións e como corolario unhas tarifas desorbitadas en relación ao servizo. O certo é que se segue a tardar máis en ir de Vigo á Coruña en tren, que de Madrid a Valencia e case tanto como desde a capital do Estado cara a Barcelona ou Sevilla. A modernización dos camiños de ferro en Galiza ten sido unha reivindicación histórica, da que de sempre fixo bandeira o nacionalismo galego, pero nunca satisfeita por ningún goberno central. Gobernase o PSOE ou o PP.

Estes días recibiamos noticias de Renfe a respecto dos trens galegos. Non, non era para anunciar ningunha das melloras necesarias na rede de media distancia, tampouco para clarexar cando verá a luz o (falso) AVE a Galiza. Logo de amedrentarnos cunha auditoría ad hoc, realizada por Ineco, na que se propuña directamente a supresión de todas as liñas -cinco en total- agás as do eixo atlántico (A Coruña – Vigo) e a que une Compostela con Ourense, Renfe nos “tranquilizaba” comunicando que en lugar desa medida radical apostan por unha un chisco máis suave: eliminar nada menos que 98 frecuencias semanais. Así a liña Compostela-Ourense perderá a metade dos seus horarios, A Coruña-Ferrol tería vintecatro menos, anularíanse catorce servizos A Coruña-Monforte e outros tantos no Ourense-Puebla de Sanabria, amais de outras seis frecuencias eliminadas entre Ourense e Monforte. Para facerse unha idea, de aplicarse esta medida perderemos máis do 20% dos servizos ferroviarios que tiñamos até agora.

Todo son conxecturas, e veremos se ao final ese número non acaba sendo maior dado que na auditoría de Ineco recollíase tamén a redución de frecuencias noutras liñas como o caso do tren entre Vigo e Pontevedra. Asemade, apúntase tamén a unha reorganización dos horarios que se manteñan apostando polas frecuencias máis rendíbeis economicamente. A decisión final adoptaraa o Goberno español o 30 de xuño, aproveitando o inicio das vacacións estivais.

A razón destes drásticos recortes que redundarán nun menor e aínda peor servizo, a pesar de tratarse dun medio de transporte fundamental e que debera ser columna vertebral dunha mobilidade sustentábel e eficiente, é desfacerse daquelas frecuencias e liñas que non xeran un rendemento económico. Ao cabo nin AVE (para quen o quixer), nin media distancia, nin nada.

O máis cómico é que o goberno central ofrécelle á Xunta a posibilidade de manter eses servizos se o executivo galego se fai cargo economicamente destes. Feijóo xa dixo que non, non vaia ser que gastase os cartos de todos en algo útil para o pobo, porén non se lle escoitou tampouco reclamando o mantemento das frecuencias que se queren anular.

Con este panorama gaña argumentos o reclamo do BNG que mediante unha proposición non de lei, invisíbel nos medios, propuña o pasado 9 de abril -por boca da súa deputada Ana Pontón- a transferencia das competencias en materia de ferrocarril interior coa creación dunha Compañía Ferroviaria Galega, para alén de demandar a paralización do desmantelamento de liñas e servizos ou a aposta pola modernización dos trazados existentes. Se Renfe, coa activa complicidade do Ministerio de Fomento, insiste en nos deixar cun 20% menos de tren, se cadra é hora de termos un ferrocarril 100% de noso.

22/05/2013

Morreu o demo. Acabouse a peseta


Redacción.-

Un documental e máis de sesenta páxinas de contidos conforman este lanzamento, que quere difundir a figura de Barriga Verde, títere por excelencia no noso país durante o século XX. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais europeos, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra.

Pedro Solla, director do documental, Comba Campoy e Anxo García da Asociación Cultural Morreu o Demo e mais Tomás González, de Urco Editora, presentan esta iniciativa, que permitirá coñecer polo miúdo a figura de Barriga Verde, a súa importancia para a cultura galega entre os anos 10 e 60 do século pasado e mais o seu parentesco con outras figuras do títere popular europeo.

O filme Morreu o Demo, acabouse a peseta, dirixido por Pedro Solla e con produción executiva de Comba Campoy, amosa por unha banda o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde da man da compañía Viravolta Títeres, ao tempo que indaga nos parentes europeos de Barriga Verde: Punch, Pollichinella, Guignol ou Kaspar, amosando a vitalidade dun legado a nivel continental que tamén ten a súa representación no noso país.

O DVD vai acompañado dun libro de 62 páxinas que permite coñecer máis polo miúdo o proceso de xestación do documental, a importancia da tradición europea de títeres, a familia europea destes bonecos ou unha primeira achega á biografía de José Silvent, principal responsable de que Barriga Verde se convertise nun fito da nosa cultura popular. Textos de Toni Rumbau, Xaime Iglesias, Comba Campoy ou Germám Ermida actúan a xeito de extras do documental e permiten unha ollada máis fonda a este fenómeno da nosa escena.

A edición foi froito da colaboración entre Urco Editora, Tintimán Audiovisual e a
Asociación Cultural Morreu o Demo, que inicia con esta iniciativa o seu traballo a prol da difusión e recuperación do títere tradicional galego. A Asociación que unifica diferentes inicitivas de investigación e divulgación encol deste tema, presentará proximamente as súas propostas de actividades para os vindeiros meses.

José Silvent, coñecido como Barriga Verde, foi o principal responsábel da popularización deste personaxe, coñecido e imprescindible en feiras e festas de todo o país. Malia a se ter retirado da escena nos anos 60, moitos dos ditos das súas obras, como a frase “morreu o demo, acabouse a peseta” quedaron gravados na memoria popular de varias xeracións. No seu día obtivo unha inmensa popularidade e foi reivindicado por múltiples voces como a principal expresión teatral galega durante os anos da posguerra até os anos sesenta do pasado século.

21/05/2013

O cinismo político e o fracaso económico

Fermín Bouza.-

Tiña outro tema para o comentario, pero lendo as palabras do señor Hernando, de vellos e aznarianos recordos, non me sinto con forza para falar doutra cousa (a superioridade estratéxica das economías norteamericana e xaponesa fronte aos tópicos neoconservadores que están a arruinar a Europa) que non sexa o cinismo político, ese mal que latexa ao fondo da desafección da cidadanía e que consiste en mentir de forma sistemática e seguir rindo a gargalladas do imbécil que che fai caso. Hernando, un adoctrinador de catecismo e nacional-catolicismo vía actual goberno e as súas voces públicas, pois iso é o que está a pasar neste reino, di que a esquerda deu preferencia ao adoutrinamiento por riba da calidade. Que adoctrinamiento? Que calidade? Que sabe este señor de nada diso? Que lle leva a eses enunciados de homenaxe ao cinismo desorellado dos que nos impoñen a súa forma de entender a relixión, adoutrinan aos nenos de forma extrema, cómenlles a testa e devólvenos cheos de parvadas á súa casa? Que podemos pensar os profesores dun suxeito así que di tales cousas?


Empezando a cabalgar na néboa


A morte de Videla prodúcese cando o seu caso foi xulgado e, en certo xeito, fíxose xustiza tal como debe ser a xustiza nun estado de dereito, o mesmo estado que el e os seus conmilitóns violentaron e encheron de bágoas e sangue. Querían, como sempre, salvar á patria, unha patria acosada polo comunismo e a subversión, dicían. Pero era o peronismo o que se instalaba entón na cabeza dos activistas, non o socialismo ou o comunismo: o peronismo, tamén fundado por un militar.

En tempos de Videla e dos demais compañeiros de armas, a Arxentina foi un laboratorio represivo no que se ensaiou toda forma de barbarie. Creo lembrar que, entre mortos e desaparecidos, houbo trinta mil vítimas, ademais do tráfico dos bebés dos torturados e asasinados, que se entregaban ás familias do réxime que así o quixesen. Con iso e con todo, ese terrible período arxentino non foi nin a sombra da barbarie da posguerra civil no reino de España, cuxo principal responsable xamais pasou polos tribunais, como si fixo Videla.

É probable que sexa en Arxentina onde se abra o caso do franquismo, aínda que só sexa para deixar constancia ante a historia do que pasou, ou de parte do que pasou. Empézase defendendo á patria e acábase asasinando os seus cidadáns. Esa mentalidade, entreverada cunha forma sinistra de relixión chamada nacional-catolicismo polo sociólogo Carlos Moya, acabou por converterse nunha máquina de matar e de sementar o medo entre a cidadanía.

Non sei se son as xentes máis adecuadas para ser un exemplo franquista as que se van a xulgar, pero en todo caso alí estaban, aínda que non son a mesma cousa Utrera Molina, Martín Villa ou Billy el Niño. A impunidade produce maiores catástrofes que os propios feitos que encobre. Non deixar testemuño xudicial de todo aquilo sería, xa o é, unha bomba retardada con efectos permanentes e con efectos demorados de gran magnitude.


Onde queredes levarnos?


Se o intento de Wert de violentar a autonomía interferindo na súa normativa lingüística causará, de levarse a cabo, graves problemas a todos, alumnos, profesores e pais, e será unha marcha atrás na racionalización do ensino nas autonomías con lingua propia, creando un novo e maior problema con esta intervención do estado sen respectar as propias necesidades da autonomía, e se iso ocorre coas linguas nos seus lugares de existencia, a cuestión non mellora coa materia de Relixión regresando ao ensino público e formando parte das materias avaliables.

Todo está falado sobre o das linguas propias, sobre todo en perspectiva científica, pero os que crean ou recrean estes problemas non son científicos, da mesma forma que os que mangonean o ensino relixioso meténdoa na área pública non deben ser moi relixiosos, ou son quizá máis burócratas da relixión que xente de relixión nun sentido aceptable. Unha relixión metida á forza no colexio é un mal punto de partida para cambiar o mundo ou a alma da xente. É un descrédito para a relixión máis que calquera outra cousa. Para a relixión e para este país, que volve ao seu ser máis ultramontano, como está a ocorrer en toda a área cívica na que se produciron avances moi notables.

Imos a fume de carozo perdendo democracia e coherencia coa contorna. Hai unha frustración crecente, unha frustración fronte a tanto engano e tanta barbarie retrógrada ocupando áreas de decisión do estado. Isto comeza a ser grave e insoportable.


Da Semántica da crise a Lili Marleen

A Princesa Letizia soltouse un pouco coa súa pre-descrición da neolingua da crise, unha observación académica que dá un pouco de aire non rutineiro á institución que, por matrimonio, representa. Está moi ben. Ela falou de que se di axudas por rescate, crecemento negativo por recesión ou reestruturación por recortes. Ou factor de sustentabilidade para recorte de pensións, engado eu. E falou tamén de que podía ser posible unha crise de saída negativa ou positiva. Apostou, claro, pola positiva, sen ir máis lonxe. Ogallá sexa así, aínda que de momento todo é tan negro como a alma dos que inventaron a crise. Tan negro como a apoloxía do nazismo polo goberno a través da súa delegada en Cataluña, á marxe todo iso do interese humano deses excombatientes nas filas de Hitler, pois iso é outra cousa e non entraña apoloxía dos derrotados, que deixaron 70 millóns de mortos (20 deles na URSS) na moqueta de Europa. Lili... Lili Marleen!

Os que promoveron isto deben ser removidos dos seus cargos civís ou militares. E faranlles un favor. O problema non é que existan esas persoas e que teñan as súas ideas, por nefastas que poidan ser, o problema é que ocupen cargos civís ou militares. Ese é o problema. Penso agora en La Nueve, a compañía española que entrou en París coa División Leclerc e co xeneral De Gaulle. Nunca se lle fixo homenaxe algún por parte do estado/goberno do Reino de España. Isto debe empezar a cambiar.



Para a ciencia, nada


Ao físico Diego Martínez a Sociedade Europea de Física considérao o mellor físico novo de Europa, pero España devólveo a Europa dándolle unha patada na bolsa Ramón y Cajal, que lle nega. E no equipo de clonación de células embrionarias, un acontecemento decisivo na historia da humanidade, hai unha española que perdeu o seu traballo nos recortes do Centro Príncipe Felipe, de Valencia.

A afastada guerra civil do 36 cortou tamén a historia de diversas especialidades científicas. O que despois veu e a ciencia non teñen nada que ver. En realidade, o actual reino de España e a ciencia teñen pouco que ver, e os que tivemos que participar e/ou sufrir activamente en tribunais, comités, comisións, etc., sabémolo moi ben. Falar de ciencia é absurdo: estamos a ensinar a retórica dos currículos e os premios administrativos. De ciencia, pouco ou nada, e isto debe ser común a todas as ramas do saber. Multiplícanse as corrupcións e os corruptos, os erros de goberno e económicos, pero a ciencia reduce orzamentos e nada mellora. Cun sistema irracional de asignación de tarefas e premios á investigación, os aspirantes a científicos aprenden antes a facer un currículo á medida deste sistema que a investigar realmente. Tampouco nisto existimos de forma significativa.



O populismo anticatalán


Vannos distraendo coa historia esta das autonomías do PP, que van ver se fan dano a Cataluña e axudan a Rajoy na negociación (que vergoña Feijóo entre esa tropa), e de paso seguimos co populismo barato (Cantó, en Telemadrid, contra as autonomías, contra a descentralización de educación e sanidade, contra as linguas e as súas políticas, etc.: a reserva de voto do PP é peor que o PP).

Teñen unha importancia menor, a pesar de todo, porque a gran partida xógase fóra, en campo alleo. Non pintamos nada, realmente. O de Cataluña, así exposto, dá noxo, que din na miña terra. Que os que reciben a súa parte de Cataluña poidan atrancar desta forma a renegociación do déficit catalán é o colmo. Incluso Madrid, con todos os beneficios que lle reporta a capitalidade do estado, debería ser discreta e prudente, non sexa que alguén cuantifique e vexa cal é o monto dos beneficios de ser capital e como se pode compensar isto ás autonomías (incluída Cataluña) máis aló do óbolo ao uso até agora.

Esa conta falta por facer. Non é fácil, pero é posible. Sería o fin desta salmodia persistente que ten tolos aos Nenos Cantores da Moncloa. Nunca choveu que non escampara, que tamén din por Galicia.



Sombras no canellón do gato

Unha invertebrada conspiración percorre Europa, que parece espertar das absurdas políticas alemás e mirar cara un futuro algo mellor. Realmente é moi tarde. Cubriuse boa parte do proceso de destrución do escaso Estado de Benestar que había, e o que veña será unha sociedade máis dura, máis desequilibrada, máis inxusta e menos eficiente. Os que nos levaron a iso dirán que non é culpa súa, e os cronistas de tanta marabilla dirán que do dito nada, e santas pascuas. Aínda por riba, impúxose a idea de liquidar aos principais partidos políticos, aqueles máis votados, co cal as figuras de Cayo Lara e de Rosa Díez alcanzan o nivel do Oráculo de Delfos.

É dicir, equivocouse o tiro por parte do goberno e déixase campo libre á restauración do mesmo goberno por parte dos electorados, que no seu cabreo están a disolver calquera escenario de futuro gañador e positivo. É un proceso italianizante no que só falta o Berlusconi local, pero agarden un pouco e acabarán véndoo chegar amparado na multitude.

O 15-M entre mil lumes

A volta do 15-M lémbranos que a crise é máis crise entre os mozos e que estes seguen mobilizados, aínda que unha parte non despreciable se fora xa do territorio do reino. Quizá é por isto último que onte non estaban todos os que son aínda que si fosen todos os que estaban. Os seus berros contra esta democracia e os seus partidos sempre me pareceron pouco realistas e algo inxustos por non matizar algo máis, aínda que a súa actitude de insurxencia é unha achega decisiva contra o espírito reseco de moitas das xentes deste reino, resignadas a calquera cousa con tal de ter para pouco máis que un bocadillo que levar á boca.

Foron provocadores e positivos neste punto insurxente, pero non elaboraron nada novo para deixar constancia doutras posibilidades de acción política. Falta algo de teoría. Os que foron atraídos por partidos e falan na tele son esquemáticos e repiten as maneiras deses partidos de forma esaxerada. Esa era unha das formas de acabar con eles. A súa creatividade transfórmase en estereotipo cando se axustan á retórica partidaria. Non lles pido/pedimos que deixen de entrar nos partidos, pídolles/pedimos que inflúan neles e que non que se deixen comer a cabeza. Esa é a súa achega posible aquí e agora.

20/05/2013

No centenario de Fernández del Riego

Xurxo Martínez González.-

Un século cumpriría aquel home de rostro singular cuns lentes confesores que o identificaban de xeito rápido en calquera fotografía de grupo. Un século de vida que rozou cos beizos pero non chegou. Un século que traía viva a memoria de dúas xeracións, lembranzas confesadas que se converteron en refuxio nos tempos de brétemas hostís e de impulso en horas de boa andanza.
Escoitar a Fernández del Riego era o máis cercano a tocar a historia moderna. Falar con el era interrogar, opinar ou mesmo chancear cos datos históricos vivos na súa voz.
Foi un dos últimos galeguistas republicanos, de notoriedade xa dende os anos mozos previos á guerra de 1936. Daba leccións coa súa actitude ante a vida e ante os problemas de Galiza. Leccións de doutrina mansa sustentada no nacionalismo progresista. Leccións de afabilidade e proximidade ante calquera persoa sen reclamarlles antes un título ou cátedra.
Nas horas compartidas nas conferencias e conversas de Fernández del Riego un sentía pasar o ronsel, por cativo que fose, da mirada histórica da nosa terra. Mirada feita dende os lentes dun home fomentador incansábel do país. Inquebrantábel na súa xusta crenza dunha patria ceibe. Arrastraba con firmeza a memoria republicana arrebatada a punta de máuseres feixistas, o silencio do maquinar clandestino e a entrega xenerosa á acción cultural, dende a Academia Galega até a Fundación Penzol. Arrastraba o vento da historia.
Fernández del Riego entrou no Pórtico da Galeguidade con xustos méritos de quen observaba o cotián de Galiza e alí onde atopase unha eiva, onde notase que algo se precisaba, alí estaba el para traballar. Por iso, pasou toda a vida entregado á grande obra de dignificar e normalizar esta terra nosa. E hoxe aínda queda por facer para non perder os logros acadados e acadar os logros da liberdade que tantas xeracións de galegas e galegos soñaron.

Vinte anos de 'Loita de Silencio'


Miguel Barrera.-

Que queda do poemario Loita de Silencio, vinte e cinco anos despois de que fose escrito?
Que queda del, vinte anos despois da súa publicación?
Que queda dese canto de impotencia, da desesperada denuncia da indiferenza?
Paga a pena seguir a reivindicar a esperanza?
Agora teño perspectiva e sigo recoñecéndome neses versos.
Sen dúbida non son o mesmo, pero aqueles versos seguen a ser os mesmos.
Non quero estenderme moito, pois quen guste poderá descargar a edición facsimilar coa que hoxe agasalla o xornal A Voz de Vilalba, co gallo do Día das Letras Galegas.
Cada poema ten unha historia íntima e transcendente, incluso algún ten historia propia aínda despois de telos escritos e publicados. Hoxe sinto máis que nunca que me pertencen.
Loita de Silencio foi medrando na Chaira lendo Dando novas túas de Xosé Luis García Mato; e sigo a pensar que, se algunha vez me sentín poeta, foi nos intres nos que foi medrando esta pequena obra.
Dos “Cantos para a Esperanza” salientar tres poemas:
O poema “Utopía” reciteino hai dous anos no Centro Galego de Madrid, mentres a trescentos metros, na Porta do Sol, os primeiros indignados comezaban a reivindicar o que hoxe coñecemos como 15-M.
Do poema “A vella da grela” gardo unha lembranza máxica, unha experiencia transcendente, esencial para entenderme como galego.
“Mencer na fraga” é o rexurdir do día tras a Longa noite de pedra; perdoade a pretensión do autor, mais daquela tiña só vinte e catro anos. Imaxinádevos no medio dunha fraga (para min a fraga representa a diversidade) vendo o amencer de costas ao sol, ollando esa invasión núa da luz, polo miúdo... É unha extraordinaria metáfora da esperanza, non si?.

O libro pódese descargar nesta ligazón.

Aquí poden verse fotos do día da presentación, en maio de 1993.


ARTIGO DE MANUEL MARÍA SOBRE LOITA DE SILENCIO

17/05/2013

Xosé Constenla vía Crowfunding


Redacción.-

Xosé Constenla (Compostela, 1980) adícase á canción de autor dende o ano 1997. Tal e como el mesmo sinala no perfil artístico do seu blog (xoseconstenla.blogspot.com), “asume con naturalidade a definición de cantautor” porque, engade, “se canta é porque, na natureza poética e literaria da realidade, sente que aínda estamos a tempo de transformar determinadas estruturas e correntes perversas e inxustas, por domésticas que sexan”.

Con estas referencias gravou os seus dous primeiros traballos discográficos: Quen fixo berrar ao silencio (2004) e Olladas dun entusiasta (2008). Para iso, empregou o seu propio selo discográfico –Setestrelo Editora- fuxía de incómodo corsés empregando licenzas libres –Creative Commons- e a súa múscia pódese descargar de balde no seu blog.

Despois de 16 anos de carreira musical por distintos cafés, salas e teatros da Península Ibérica e tras unha serie de concertos durante o que vai de 2013 acompañado polo pianista Javier Constenla, o cantautor compostelano vai gravar o seu terceiro traballo discográfico. Desta vez será ao vivo e en directo, rodeado dunha banda no Salón Teatro de Compostela o vindeiro día 28 de xuño (entradas proximamente á venda en http://entradas.novagaliciabanco.es/).

Precisamente, este proxecto xurde dun período de reflexión despois de escoitar de “amigos e compañeiros de oficio”, en distintas ocasións, “o moitoa que gaña a miña música cando a interpreto en directo” e, engade, “os discos (anteriores) nos reflexan a potencia das composicións”. Isto foi o que levou a Xosé Constenla a rodearse de artistas que teñen sido unha referencia musical para a súa carreira (como o cantautor madrileño Javier Bergia) e sair do Salón Teatro cun disco baixo o brazo.

Porén, nos tempos que corren as cousas non son tan doadas. “Non son tempos para que unha discográfica financie o teu disco e, moito menos aínda, se te declaras abertamente cantautor”. Por iso, Constenla buscou mecanismos alternativos para poder desenvolver o proxecto. No proceso de búsqueda atopouse co portal Verkami, un sitio web adicado a buscar apoios para proxectos culturais a partir de campañas de crowdfunding.

O crowdfunding é “unha campaña pública para recoller achegas económicas dirixidas a apoiar un proxecto social ou cultural determinado”, di Xosé Constenla. Neste sentido, o promotor aloxa nun portal determinado o seu proxecto, informando de todos os detalles que considere oportunos.

Se a plataforma de aloxamento do proxecto dá luz verde ao proxecto, entón o promotor conta cunha web persoal onde calquera persoa ode acceder para facer a súa achega. O promotor debe poñer unha cantidade económica que aspira conseguir. Para iso conta con 40 días.

Así, as persoas que queiran participar actuarán como “micro-mecenas” ou co-productoras no sentido en que achegarán unha cantidade económica determinada a cambio do que poderiamos chamar unha “recompensa”. Estas recompensas e máis información do proexecto pódese consultar en http://www.verkami.com/projects/5483-xose-constenla-disco-ao-vivo

Se transcorrido ese tempo non se consigue a cantidade solicitada, o promotor non poderá contar cos fondos que se teñan recadado ata o momento e os micro-mecenas non realizarán a súa aportación, é dicir, se non se consigue a cantidade solicitada non se realizará ningún cargo ás persoas que teñan feito achegas.

No caso do proxecto de Xosé Constenla, solicítanse nesta campaña unha cantidade de 3.150 euros. Tendo en conta que a cantidade media de aportación segundo as distintas plataformas onde se realizan proxectos de crowdfundung é de 20 euros, estamos falando de conseguir uns 200-210 “co-productores”.

16/05/2013

Xornada de 'Nuevos horizontes'


Redacción.-

O vindeiro sábado 25 de maio na Casa das Insuas (Rábade, Lugo) desenvolverase a xornada "Ligazón entre producción agraria e conservación" pertencente ao proxecto Nuevos Horizontes, un proxecto de cooperación interterritorial no que se busca a posta en valor das terras agrarias mediante o fomento das variedades tradicionais.

Nesta ocasión abordarase o vínculo existente entre a producción agraria tradicional e a conservación da natureza. Para elo contaremos coa participación de experiencias piloto no eido da producción de variedades tradicionais e coñeceremos de preto as experiencias de custodia agraria na Reserva da Biosfera de Menorca onde agricultores e conservacionistas fan fronte común na protección e valorización da natureza e paisaxe desta illa mediterránea.

Xornadas do proxecto "Nuevos Horizontes"
Venres 24 de maio
18:00 Taller sobre produción e conservación. A custodia agraria
Nuria Llabres e Miquel Camps (Técnicos do GOB Menorca)
Sábado 25 de maio
09:50Presentación
Oscar Rivas (Asociación Galega de Custodia do Territorio)
Antonio Figueroa (Xerente da Asociación Terras de Lugo)
10:00Produción e comercialización en ecolóxico
Victor Suárez
(Explotación Croa do Castro - Malpica de Bergantiños)
10:30Tomate negro de Santiago, produción e comercialización
Representante da Cooperativa O Val - Narón
11:00 Pausa
11:30 Diversificación nunha explotación agraria
Xosé Ramón Rodríguez (Vida de Aldea - Outeiro de Rei)
12:00Experiencias de xestión sustentable do territorio
Nuria Llabres e Miquel Camps (Técnicos do GOB Menorca)
13:00Debate aberto
Moderado por Antonio Figueroa e Oscar Rivas
14:00Xantar

ILP: o pobo non é quen máis lexisla

Xabier P. Igrexas.-

A actual democracia formal apenas permite a participación directa da cidadanía para alén dos procesos electorais. O modelo representativo reserva para as institucións parlamentarias toda a capacidade de decisión, que pode ser ser exercida mesmo para gobernar en contra do pobo e vulnerando o programa electoral co que se concorreu aos comicios. Exemplos hai abondosos e lamentabelmente moi recentes, case cotiás. Asemade as maiorías absolutas permiten a un só partido perverter aínda máis a formalidade democrática, pasando a rodela por sistema sen incorporar ningunha opinión, proposta ou achega distinta das propias. Cando os partidos maioritarios, como sucede no Estado, son apenas instrumentos políticos ao servizo dunha minoría poderosa --a oligarquía empresarial e financeira, a burguesía-- a democracia convértese apenas nunha entelequia, nun ritual oco.

Porén, no actual réxime parlamentar existe unha figura que permite ao pobo erixirse por si propio en propulsor de reformas legais. Son as denominadas Iniciativas Lexislativas Populares (ILP). A través destas a cidadanía pode, por medio dun complexo proceso de recollida de sinaturas, trasladar ás cámaras de representantes propostas legais para a súa consideración. Os requisitos que han de cumprir acostuman inviabilizar a súa chegada aos plenos parlamentarios. Mais inda cumpríndoos poden ser vetadas. Unha maioría absoluta pode rexeitar que calquera ILP se debata.

O certo é que as ILP, amplamente descoñecidas, se puxeron de actualidade pola que impulsou a Plataforma de persoas Afectadas polas Hipotecas. A PAH logrou axuntar máis dun millón e medio de sinaturas en todo o Estado para propor unha reforma legal que impuxese unha moratoria nos desafiuzamentos, que habilitase a dación en pagamento con carácter retroactivo como forma para saldar completamente as débedas e que pulase polo alugueiro social como fórmula que impedise a perda da vivenda. O PP de entrada negouse mesmo a debatela e só a presión social logrou que chegase ao Congreso. O resto da historia é coñecida. Do texto avalado por centos de milleiros de persoas non quedou ren logo do cepillado (botando man da expresión de Alfonso Guerra) á que a someteu a maioría absolutísima do PP. Basta con contrastar o articulado da lei antidesfiuzamentos aprobada en solitario polos populares coa proposta da PAH, para comprobar de maneira empírica o fiasco, a colosal estafa democrática que perpetraron no seu nome.

O Parlamento galego debateu onte dúas ILP. A primeira, denominada “ILP Valentín Paz Andrade” pulaba pola ensinanza da ortografía portuguesa no ensino galego, a participación da Xunta en foros internacionais da lusofonía ou a recepción das televisións e radios portuguesas a través da TDT. O ditame unánime da cámara foi favorábel á súa tramitación. Porén, o facto de que o Partido Popular apoiase a súa consideración non significa que a mesma resulte finalmente aprobada en forma de lei, nin que a resultante respecte os obxectivos e compromisos recollidos na ILP. O voceiro popular xa o deixaba caer ao insistir que a inclusión do portugués nas escolas de Galiza sería baixo a forma de “lingua estranxeira” e en todo caso con carácter optativo. Asemade o popular Agustín Baamonde rexeitaba a posibilidade de recebermos no noso país as canles de TV e radio portuguesas, aducindo que se trata dunha competencia estatal. Polo tanto a insólita coincidencia entre PP, BNG, AGE e PSOE arredor desta iniciativa pode non pasar dun mero facto simbólico. Simbolismo do que un non pode deixar de sospeitar que sexa instrumentalizado pola Xunta de Feijóo para rebaixar a tensión social rumo a un 17 de maio que agoira, máis unha vez, un clamoroso rexeitamento nas rúas da súa política galegofóbica. Aliás, engádese un chisco de cinismo, ou se se quer de impostura, á posición dos populares, dado que na súa recente viaxe a Portugal o Presidente Feijóo non tivo reparos en expresarse en español, e non en galego, botando man dun interprete para a tradución. Unha práctica que choca, por total incoherencia, coa concepción do galego como lingua internacional que fundamenta a propia ILP Valentín Paz Andrade.

A segunda ILP foi a dos “3 erres”. O texto impulsado por diversos colectivos de defensa ambiental avogaba pola aplicación en Galiza dos principios da denominada triple R: reutilización, redución e reciclaxe, e de facto supuña unha emenda á totalidade á desastrosa política de xestión de residuos implementada no noso país a través de Sogama. Política que mesmo incorre en incumprimento da lexislación vixente, polo que vai ser denunciada perante a Comisión Europea. Desde logo non causou sorpresa que o PP empregase sen ambaxes a súa maioría absoluta para tombar mesmo a súa toma en consideración, facendo unha defensa cerrada do modelo de incineración, que para alén de insustentábel ambientalmente supón unha ameaza real para a saúde pública. Sen embargo si que renxeron de máis boa parte dos “argumentos” deitados polo PP en oposición á ILP, mesmo incorrendo na falsidade de presentar a Sogama como un “modelo de valorización enerxética” cando en realidade consume máis enerxía da que xera.

A estes exemplos cómpre engadirmos outras iniciativas. As vetadas. As que malia contaren co apoio dun inxente número de galegas e galegos non chegaron nunca a ser debatidas por mor do veto parlamentario do Partido Popular. As máis recentes son a que apostaba por unha sanidade pública cento por cento e a que reclamaba o mantemento do pioneiro programa pre-escolar na casa, finalmente finiquitado pola Xunta de Feijóo. Ambas as dúas foron lembradas onte, por boca da deputada do BNG Ana Pontón. A nacionalista cualificou de “inxusta” a posibilidade legal que permite o veto parlamentario xa que supón un atranco a “debates que a cidadanía quere traer ao Parlamento” e anunciou que desde o Bloque promoverán unha modificación da Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para evitaren que ningunha ILP esmoreza ás portas da cámara.

Visto o visto un non pode máis que concluír que o pobo non é -parafraseando o Grândola- quen máis lexisla. A falta das imprescindíbeis mudanzas que alarguen a participación social na toma de decisións políticas, cara a unha democracia digna de tal nome, as ILP deberan ser o pequeno cabalo de Troia das camadas populares, das clases traballadoras, para -por si propias- coar no barullo da retórica oca das cámaras as necesidades e arelas reais da xente, botando man das e dos aliados que temos nos escanos, porque habelos hainos malia seren poucos. Porén, aínda logrando o anterior a tarefa seguirá a ser conquistarmos o poder que hoxe nos furtan, derrubando os muros infranqueábeis dos parlamentiños para colocar a vontade popular no centro da praza liberada que canta Tino Baz.

15/05/2013

Quinta edición do Galicia importa

Redacción.-

En 2013 a programación do Galicia Importa comeza con forza coa confirmación dos canadenses DANKO JONES que acaban de editar o pasado mes de setembro 'Rock and Roll is Black and Blue'. Por fin temos de regreso a unha das bandas máis destacadas dentro do hard rock dos últimos anos. Un grupo que soubo moverse por diversos xéneros, empapándose de distintas influencias, pero sempre conservando ese espírito e esencia rockanrolera que lles colocou como un dos alicerces actuais do rock e fíxolles viaxar por todo o mundo encabezando os principais festivais de Rock. O concerto será o sábado 18 de maio na Sala Capitol (Santiago D.C.)
LUCINDA WILLIAMS
Gañadora de 3 premios Grammy e referencia indiscutible do rock de raíces facturado en USA, a súa actuación o 11 de Xuño na Sala Capitol, será un dos pratos fortes /estrelas da 5ª edición do Galicia Importa. Adorada desde hai anos por pesos pesados da industria como Bruce Springsteen, Elvis Costello, Tom Petty, Neil Young ou o mismísimo Bob Dylan, esta artista posúe unha discografía ao alcance de moi poucos na que discos como ?Car Wheels on gravel road? convertéronse en referentes do son Americana.
DEF LEPPARD + WHITESNAKE + EUROPE
A xira de rock máis potente do ano chegará a Galicia o 28 de xuño...Será no Multiusos Fonte do Sar (Santiago D.C.) nunha cita que promete ser histórica. As entradas están á venda a través da Rede Ticketmaster e Novagalicia Banco.
PABLO ALBORÁN
O artista malagueño regresa a Galicia consolidado como o solista nacional do momento; cunha sorprendente posta en escena e calidade no espectáculo, esta nova xira significa un enorme avance cualitativo e un esforzo do artista para ofrecer o mellor e máis novo aos seus fans. A volta do noso artista máis importante e vendedor en 2011 e 2012. O concerto será o 6 de xullo no Coliseum da Coruña

14/05/2013

Lembranza e memoria de Pousa Antelo

Redacción.-

Hoxe 14 de maio ás oito da tarde no Paseo Avelino Pousa Antelo de Os Verxeis de Oza -Teo- terá lugar o acto
LEMBRANZA E MEMORIA PLENA PARA AVELINO POUSA ANTELO, 99 anos de vida, memoria e presencia continuada en nós).
O programa do acto será o seguinte:

Introducción musical de Raúl Galego " O GAITEIRO NUBEIRO"
Benvida a cargo de Carme Hermida Gulías ( Concelleira de cultura de tEO)
Intervención dun membro da FAMILIA POUSA.
Ofrenda floral e intervencións musicais:
MINI E MERO
MANOELE DE FELISA
Intervención d*s amig*os de LUCHO.
Pecha o ACTO o Alcalde de Teo Martiño Noriega
INTERPRETACIÓN HIMNO NACIONAL GALEGO.

O poemario 'Loita de Silencio' cumpre 20 anos


Redacción.-

En maio de 1993 o poeta chairego Miguel Barrera presentaba en Vilalba o seu primeiro poemario, Loita de Silencio (Madrid, Otero Ediciones) que marcaría un fito na poesía chairega, ao ser a primeira obra dunha nova xeración de poetas que, tras del, non tardarían en ver a luz. Agora, cando se cumpren vinte anos da súa publicación, A Voz de Vilalba quere facerlle unha homenaxe recuperándoo para os seus lectores co gallo do Día das Letras Galegas, no que se poderá descargar desta mesma web. A portada do poemario Loita de Silencio foi deseñada polo pintor vilalbés Xosé Lafuente, mentres o limiar correu a cargo do xornalista Moncho Paz, que naqueles anos coincidiu en Madrid con Barrera e con outros poetas do chamado "grupo Bilbao".

(Na imaxe que acompaña a este texto pode verse, no centro, a Miguel Barrera no acto de presentación en 1993 acompañado de Agustín Baamonde, á esquerda, e Alfonso Baamonde, á súa dereita).

Lourenzo, Vidal Bolaño e o teatro


Redacción.- O pasado venres tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba unha táboa redonda encol da figura de Roberto Vidal Bolaño e o teatro galego, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos. Ao acto, pouco concorrido por mor de coincidir con outro que se celebraba á mesma hora no Centro Cultural, asistiron preto de trinta persoas que tiveron a oportunidade de escoitar a Manuel Lourenzo -na fotografía- falando do teatro independente galego e da figura do autor homenaxeado nas Letras deste ano, Roberto Vidal Bolaño.

Lourenzo introduciu ao público no apaixonante mundo do teatro para ilustrar sobre a súa orixe e o seu desenvolvemento en Galicia até os nosos días. Tamén interveu Francisco Piñeiro, que achegou ao teatro popular da Mariña lucense, resaltando a figura de Xosé Manuel Carballo, convocado como participante neste acto e ao que non puido acudir por motivos de saúde. Como colofón, a moderadora da táboa, María Xosé Lamas, achegou á historia do teatro en Vilalba dende remates do século XIX até a actualidade. 

13/05/2013

Actividades na Casa das Insuas

Redacción.-

A continuación detállanse as vindeiras actividades no C.E.N Casa das Insuas de Rábade:

14 MAIO
·Inspección PROXECTO RIOS

25 MAIO
·Xornada Nuevos Horizontes: Ligazón entre producción agraria e conservación

16 XUÑO
·Encontro voluntariado PROXECTO RIOS (ADEGA).

22 XUÑO

·Nuevos Horizontes: FEIRA DA CUSTODIA

14 XULLO

·Training day: ODONATOS DA TERRA CHÁ.

EXPOSICIÓNS

·Con páxaros na cabeza ata 30 Xuño.
·Red Española Reservas Biosfera ata 5 Xuño

A Grande Farsa dos Nenos Cantores

Fermín Bouza.-

Os programas de contido político de TVE son unha mostra de desequilibrio ideolóxico e de sectarismo moi notable, como nos vellos tempos. Incluso a locutora central dos telexornais, Ana Blanco, protestou por algunha mostra recente relativa á Lei de Costas. Os programas de debate están ideolóxicamente orientados desde unha maioría de xornalistas afíns ao partido do goberno (os chamados Nenos Cantores da Moncloa), e hai que ir de cando en vez a Telecinco, La Sexta e tamén ao Cuatro ou Antena 3, para ver algún debate equilibrado, vivo e real. Parouse en seco o longo camiño de RTVE cara á plena liberdade e pluralidade, e volvemos ao tardofranquismo mediático nos medios que o goberno controla. Isto é un enorme paso atrás e a viva demostración da idea de liberdade que algúns teñen.

Non leo nin unha soa palabra na prensa conservadora sobre estes abusos regresivos, pero non deixan de desplumar a canto líder ou lideresa da esquerda, dos sindicatos ou dos movementos sociais caia nas súas mans, chegando a inventar cousas, a calumniar, cun descaro tremendo. Hoxe facía mención diso a política navarra Uxue Barkos, vítima destes suxeitos.

O impacto da corrupción

O problema é que moitos dos implicados, directa ou indirectamente, no tema da corrupción, están situados en postos decisorios, e a xente identifica a esas xentes coa democracia, co cal o mecanismo da desafección política dispárase. Sabemos xa demasiadas cousas de como funciona a corrupción máis habitual, esa que vai das empresas aos partidos e dos partidos á ordenada distribución da riqueza  entre as súas elites, sempre solidarias para estas cousas.

O mecanismo citado de reprodución da corrupción é controlable a pouco que os partidos dean facilidades. Con frecuencia non as dan e escapan constantemente ás preguntas e indagacións da opinión cidadá. Non hai unha clase política ben educada en principios transpartidarios e cívicos. En xeral, non a hai, coas excepcións que sexan necesarias. Esta ausencia de ética cívica é facilmente detectada pola opinión pública, que se carga de prexuízos antipolíticos.

A descontinuidade democrática neste reino fixo prosperar máis da conta condutas propias de franquismo. A corrupción vai devorando a todas as institucións, e tardaremos décadas en ver como se recobra a opinión pública a un bo nivel de fe na liberdade e na democracia. Pero mentres iso chega, a cidadanía vaise encrespando paso a paso e ameaza con tomar rúas e institucións e acelerar así un cambio que moita desa xente considera necesario e inevitable.

Con todo, aínda non sabemos que poderemos cambiar (para que nada cambie?) e esa desorientación aínda ten prostrada á metade dos máis afectados pola crise. Pero a ameaza continúa.

A forza resistente: de Neptuno a Cibeles


O xoves achegueime a Cibeles-Neptuno para estar coa xente da educación, que é a miña xente, e é o sector no que traballei e traballo dese sempre. Os recortes, próximos xa aos 7.000 millóns de euros, son unha parte grave do iceberg educativo  que regresa ao vello clasismo e esgana ás clases medias-medias da man das clases populares, mentres pon tamén outra clase de obstáculos para que a combinación traballo/universidade se faga imposible para os estudantes que traballan, que ven como se reducen as súas posibilidades estratéxicas de presentarse  a segundo que materia, etc.

O abandono paulatino do ensino público pola dereita é unha volta ao vello señoritismo dos letrados e os iletrados. Non é verdade que non hai forma de manter este sistema educativo, isto é case obvio para quen coñeza un pouco o medio. Pero ábrense máis posibilidades á educación-negocio como se abren á sanidade-negocio. Achegueime, digo, á gran manifestación que enchía amplamente a zona desde Cibeles a Neptuno, polo menos. Había avós e pais, nenos, novos e profesores, e toda a dignidade acumulada por estas xentes estaba alí, presente con eles. De todos os desastres da crise e da súa abordaxe merkeliano, o peor será o da educación e a sanidade, que son accións directas contra o presente e o futuro.

A cuestión catalá na vila e corte

Se o de Cataluña fose un problema xurídico, ou só un problema xurídico, o Tribunal Constitucional tería comezado a pechalo. Pero non é un problema xurídico, ou non é só un problema xurídico nin este problema é o máis transcendente. O problema catalán é un problema real, empírico, incumbe ás ideas e á vontade da xente e ás maiorías parlamentarias, e por iso a cuestión catalá sairá por onde teña que saír, pero sairá. A realidade é así de maldita, e é máis potente que as leis, quizá porque as leis deben facerse para regular a realidade, non para imporse a ela. Pódese facer, claro, pero dá pésimos resultados a medio e longo prazo.

Neste sentido, a idea de preguntar á xente non é mala. De preguntarlle, sobre todo, aos propios cataláns, o outro, o constitucional, non ten moito sentido, é un puro absurdo, e só serviría para pór en evidencia a diferenza presumible que hai entre os cataláns e os demais deste estado á hora de opinar sobre Cataluña e o seu futuro. Se neste momento poderían sumarse a unha estratexia independentista un 30% dos votantes, dentro dun ano será un 40%, dentro de dous, un 50%... e suma e segue. O grao de torpeza dun goberno central está directamente correlacionado co incremento da desafección e o independentismo.

A tortura, de habitual a excepcional?


Cando un individuo de calquera adscrición está detido polas forzas de seguridade (calquera delas) é, sobre todo, un cidadán a protexer en mans do estado, que asume a súa responsabilidade. Sabemos, con todo, que non é sempre así, e de cando en vez soben a superficie xudicial casos de abusos e torturas que dan vergoña allea e violan todo principio constitucional. Existen até vídeos dos malos tratos (Moços), que tamén tocan o militar por unhas escenas de tortura de soldados españois en Iraq que apareceron hai pouco en prensa.

O martes houbo un debate desta clase no Senado que foi un diálogo imposible entre Rajoy e un senador de Amaiur. A contestación de Rajoy non foi de recibo: a súa obriga é defender aos presos deses tratos e non transformar un debate, digamos, técnico, nun debate político: Non hai lugar neste caso. Sexa de ETA ou de quen sexa, un preso ten uns dereitos e o estado ha de defendelos.

A tradición máis inmediata da tortura vén do franquismo, onde houbo xente que morreu estando detida. E é posible que perduren certos usos e costumes daquel tempo, aínda que de forma moi limitada: a tortura sería hoxe algo excepcional, pero existente. Aínda hai xente agardando a que algúns daqueles envellecidos torturadores do franquismo volvan ao reino para acabar con eles por calquera procedemento, pero ese non é o camiño: é necesario expor as cousas, non eludilas, falar. A palabra é a arma máis temible e o que realmente cambia o mundo.  O Partido Popular europeo volveu cubrirse de gloria.

Soberanía? Que parvada!
   
Quizá a contestación a Rajoy cando bota a culpa aos seus predecesores do problema económico do reino sexa ensinarlle un pouco de historia económica recente e repasar o traxecto de Aznar no goberno coa súa burbulla e a o seu canesú. É posible que o PSOE non actuase moi a fondo (Zapatero fíxoo na súa segunda lexislatura) contra a burbulla, pero iso non o converte en principal facedor dos preámbulos da crise. Rajoy minte cada vez que di iso, porque non lle faltou algún asesor que, en voz baixa, contoulle a verdade sobre o monstro-burbulla que nos matou con efecto retardado. O gasto vai a rebufo da burbulla.

En conxunto, os pecados do neoliberalismo (sempre protesto contra o uso da palabra liberalismo por esta xente ultraconservadora) trouxéronnos aquí, tanto neste reino como en Europa. Á marxe da inutilidade económica das teorías que sustentan tal dislate mil veces desmentido polos feitos, están os movementos paralelos aos propiamente económicos que van entregando o control da economía mundial a grupos financeiros de presión económica (a débeda!) con repercusións políticas: tras o dominio económico vai chegando o político, e da perda de soberanía aceptada para entrar nunha unidade de maior nivel, a UE, estamos a pasar a unha absoluta perda de soberanía en mans da vontade da Señora e dos seus brazos executores.

12/05/2013

Día do Comercio Xusto en Ribadeo

Redacción.-

Co lema “Mulleres na defensa do comercio xusto no Norte e no Sur”, o Sindicato Labrego Galego, Amarante Setem e o grupo de consumo As Grelas, celebran este sábado, 11 de maio, a Semana Galega de Comercio Xusto en Ribadeo, coa intención de facer visible o traballo feito polas mulleres na loita pola igualdade e en defensa dun comercio xusto.

En concreto, desenvolverase un mercado transparente na praza de Abastos de Ribadeo, de 10:30 a 14:00 horas. Asemade, haberá unha mesa redonda baixo o título "Consumindo confianza. Encontro de grupos de consumo responsábel”, a cargo de As Grelas, Karrikanta e A Casa Azul, que comezará ás 12:30 horas.

Nesta ocasión, aproveitarase esta celebración para homenaxear aos miles de vítimas que, cada ano, morren en accidentes laborais en todo o mundo no sector da confección, cunha lembranza especial para as máis de setecentas persoas que finaron no derrubamento da fábrica téxtil Rana Praza, en Bangladesh, sendo a maioría mulleres. Por iso, aproveitando a xornada de comercio xusto, realizarase unha acción na rúa con candeas en memoria das vítimas.

A situación da muller

A deslocalización do téxtil exportou un modelo discriminatorio coas mulleres, de explotación e de abuso onde se seguen rexistrando intimidación, abuso sexual e explotación infantil.

No sector da alimentación pódese dicir que aínda non foron equiparados os dereitos de homes e mulleres nos dereitos da terra e de produción, cando adoitan ser as mulleres as que traballan a terra, a titularidade da actividade económica e incluso da terra está en man dos homes. En Galicia, aínda que xa existe unha Lei de Titularidade Compartida nas explotacións, o desinterese dos poderes públicos para aplicala fai que case ningunha labrega solicite ser titular da explotación na que traballa, renunciando así aos dereitos laborais máis básicos.

Dende o seu inicio, o comercio xusto estivo na vangarda da defensa das mulleres, na promoción de reformas xurídicas e políticas e do apoio a proxectos que melloren o poder económico das mulleres e ampliación das súas opcións de vida. O empoderamento das mulleres demostrou que contribúe á saúde e a produtividade das familias e de comunidades enteiras e unhas mellores perspectivas para as seguintes xeracións.

Por iso no Día Internacional do Comercio Xusto búscase a solidariedade coas vítimas dos últimos accidentes en Bangladesh e demandar o apoio á sociedade para que as marcas de roupa asinen o Acordo de Seguridade nas fábricas deste país. Por iso, poñeranse candeas en memoria das vítimas, repartiranse informacións sobre as mortes neste sector e as marcas de roupa involucradas.

11/05/2013

Ruta pola historia de Santaballa

Redacción.-

A Liga Santaballesa organiza para o vindeiro domingo 12 de maio unha ruta guiada pola historia da parroquia de Santaballa (Lugo). A actividade dará comezo ás 10 da mañá e terá unha duración de catro horas. Encargarase das funcións de guía Eduardo Ramil, director do Museo de Prehistoria de Vilalba. A ruta completa abarca 12 km e ten unha dificultade media. Contarase con equipo de apoio.

O itinerario será o seguinte:

-SAÍDA DA LIGA SANTABALLESA
-MEDOÑA DE ESTELO
-PENA GRANDE
-MUIÑOS (DO CAXIGUEIRO, NOVO E O DA PRESA VELLA)
-PEDRA CHANTADA
-CASA NASEIRO-LEDO
-O CASTRO
-TRASTOMIL
-IGLESARIO
-LIGA SANTABALLESA



10/05/2013